QUE SABES SOBRE A LOMCE?

A Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa foi aprobada en novembro de 2013, tras ser apoiada no Congreso única e exclusivamente polo Partido Popular. Entre este curso e o pasado, o 2015-2016, xa comezamos a experimentar varios dos cambios que supón esta lei, entre os que destacan as reválidas: unhas probas realizadas ao final de cada etapa educativa e que determinan, no caso da ESO e do Bacharelato, a obtención do título.
Na Galiza, a LOMCE atopouse desde o primeiro intre coa oposición frontal do profesorado, as familias e o estudantado, sendo combatida en multitudinarias folgas estudantís. Ademais, nas reválidas de Primaria do curso pasado, Galiza foi, cun 80% de abstención, o territorio do Estado español que máis se opuxo á LOMCE, aínda que esta insubmisión non fose acompañada pola Xunta de Galiza.
Porén, a información que se nos proporciona ao colectivo que máis imos sufrir esta lei, as estudantes, é moi deficiente e incompleta. Por iso, desde Erguer. Estudantes da Galiza queremos debullar punto por punto esta lei elitista, machista, liquidadora de oportunidades, antipedagóxica, galegófoba, confesional e incerta que se nos impón sen contar coa nosa opinión sobre a mesma.

Elitista

A LOMCE incentiva as axudas aos centros privados: De feito, xa é algo que comezamos a sufrir neste curso 2016-2017, que arrinca con 84 unidades educativas públicas menos e 38 privadas máis, ademais dos múltiples recortes de profesorado e orzamentos.

Pon continuas barreiras selectivas ao alumnado, como son as reválidas, que limitan as nosas opcións de estudos e que son especialmente críticas para o alumnado con necesidades específicas na aprendizaxe.

Pon continuas barreiras selectivas ao alumnado, como son as reválidas, que limitan as nosas opcións de estudos e que son especialmente críticas para o alumnado con necesidades específicas na aprendizaxe.

MACHISTA

Moitos dos centros privados e concertados subvencionados polo Estado segregan por cuestión de xénero.  


Elimínase a competencia básica da Educación Primaria recoñecida pola LOE de educarnos prestando especial atención á igualdade entre xéneros.

LIQUIDADORA DE OPORTUNIDADES

Temos que elixir xa en 3º da ESO se queremos estudar dous anos despois unha FP ou o Bacharelato, ficando 4º da ESO como un curso orientativo para eses estudos escollidos. Esta decisión a tan temperá idade non fai máis que pecharnos portas e facer, de novo, que as fillas de traballadoras optemos pola opción de menor custo económico.

Aínda que aprobemos todos os cursos da Secundaria, se non aprobamos a reválida de 4º ficamos coa única opción de agardar un ano para repetila ou retroceder no sistema á FP Básica (opción educativa equivalente de 3º e 4º, que xa os cursamos). Ademais, se tivésemos repetido algún curso antes de realizar esta reválida, a única opción posíbel é o abandono escolar, xa que a FP Básica ten fixada unha idade máxima para comezala de 16 anos, idade coa que rematamos 4º da ESO sen ter repetido ningún curso. Precisamente ten esta idade máxima fixada porque está pensada para alumnado con dificultades para rematar a Secundaria, como alternativa aos dous últimos cursos da ESO, e non como continuación dos mesmos.

Se aprobamos o Bacharelato pero suspendemos a reválida de 2º, só podemos agardar a repetila ou facer unha FP de Grao Medio, equivalente aos anos de Bacharelato xa cursados.

Xa que a reválida de Bacharelato ten como función principal decidir se recibimos ou non o título, deberemos realizar a maiores probas propias de cada Universidade á que queiramos ter a posibilidade de acceder. Unha complicación engadida en custos económicos e en opcións para optar a acceder a Universidades doutros puntos do Estado, xa que semella imposíbel que as datas das probas de todas as Universidades sexan compatíbeis.

GALEGÓFOBA

O galego contará con menos horas lectivas pola ampliación de horas en materias como Matemáticas, que está prohibido impartila no noso idioma, en detrimento doutras como Ciencias Naturais, que si se imparten en galego.  

A LOMCE impide que coñezamos a nosa propia historia e cultura ao devolver ao Estado as competencias de contidos que pertencían á Xunta. Corresponde ao goberno do Estado a responsabilidade sobre o contido das materias troncais, así como determinar os criterios de avaliación e as características das reválidas. No caso da de ESO e Bacharelato, tamén lle corresponde deseñar o contido das probas en cada convocatoria. En canto aos criterios de avaliación durante o curso, as Administracións autonómicas non poden fixar os das materias troncais nin específicas, tan só os das materias denominadas ‘de libre configuración autonómica’.

Entre estas materias de libre configuración autonómica inclúese o Galego, e corresponde á Xunta fixar un mínimo de horas para o conxunto de materias de libre configuración autonómica. Porén, os centros contan coa liberdade de incluír neste grupo outras materias, como específicas non cursadas ou materias de reforzo das troncais. Se estas materias son engadidas, o número de horas destinado ás materias de libre configuración autonómica sae a repartir entre máis, quedando o Galego con menos horas lectivas.

Coa LOE, existía a posibilidade de que o alumnado que se incorporase por primeira vez ao sistema educativo galego e chegase do último ciclo de Primaria en diante ficase exento de examinarse en galego. Coa LOMCE, pode ficar tamén exento de cursalo. Onde se viu que unha crianza que chegue a un país non aprenda a lingua do mesmo?   

CONFESIONAL

A materia de Relixión comezará a computar para a media, o que obriga implicitamente as estudantes a escollela fronte a outras materias alternativas á mesma.

O alumnado que ten a materia de Relixión, habitualmente avaliada con notas altas a nivel xeral, conta cunha nota alta máis na súa media que aquelas que non cursan Relixión, tendo polo tanto máis posibilidades á hora de acceder a unha carreira e mesmo a Bolsas e axudas.

INCERTA

A LOMCE aplícase neste curso 2016-2017 sen que aínda saibamos moi ben como nos vai afectar no noso futuro académico. Descoñecemos os criterios de avaliación, o modelo das probas, que materias nos ponderarán para as diferentes carreiras e mesmo de que materias teremos que examinarnos, xa que a LOMCE contempla que entren non só os contidos de 2º de Bacharelato, senón tamén algúns de 1º.

SÉGUENOS